CRTVG

Buscar

Un incendio en Pontevedra deixa dúas persoas feridas, unha delas de gravidade

Publicado o 27/03/2019 13:13

Volveu nacer, como se di habitualmente. Iso foi o que lle pasou a un veciño de Pontevedra que puido salvarse das lapas de milagre. Foi capaz de saír arrastrándose ata a escaleira do terceiro andar. O salón da vivenda quedou feito cinza, mesmo as persianas que eran de alumnio quedaron soldadas ao marco da fiestra. 

No exterior da vivenda pódense ver as pegadas do intenso fume que provocou o incendio que se declarou no terceiro andar do número 82 da rúa Eduardo Pondal en Pontevedra. Cando chegaron os bombeiros xa había persoas desaloxadas. Non foi necesario evacuar todo o edificio e comezaron as tarefas de extinción.

"Imos revisar a vivenda e atopamos que no comedor, efectivamente, o plano neutro estaba moi, moi baixo, non había practicamente visibilidade e está afectado polas lapas. Presumiblemente, o comedor é a zona onde comezou o lume. Afectou na súa totalidade os obxectos desa estancia e procedemos a extinguir totalmente esa zona, para a continuación comezar as tarefas de ventilación e revisión desa vivienda e o resto de vivendas que se viron afectadas polo fume".

Ao parecer, o incendio comezou devagar no salón. O punto onde houbo máis lume foi onde estaba o sofá. Supostamente, cando o home se decatou do incendio abriu a porta para fuxir, o que provocou a entrada de aire e un estoupido creado polos gases acumulados que deixou desfeita a estancia. O resto da vivenda quedou afectada polo fume.

"Nos edificios normalmente o problema sempre é como se despraza o fume e, polo tanto, o fume si que afectou o resto de vivendas. Nalgunhas xa evacuara a Policía Local, noutras mantívose os veciños no interior, sempre en todo momento, dun xeito seguro. E despois o que se fixo foi medicións desas estancias para ver se efectivamente eran habitables ou non. Procedeuse á ventilación desas vivendas e incluso do eficicio oitenta, que a través dun patio de luces a esa mesma altura da terceira planta, cuarta e quinta, había fume e foi necesario ventilar".

Segundo informou o servizo de urxencias de Galicia 112, o lume afectou dúas persoas. Unha delas sufriu queimaduras graves e foi trasladada en ambulancia medicalizada ao hospital Povisa, de Vigo. Trátase dun home de 51 anos. Outra persoa, unha moza de 19 anos, con síntomas de intoxicación por inhalación de fume, foi evacuada nunha ambulancia asistencial ao hospital Montecelo, de Pontevedra.

Noticias web

27/03/2019