Un incendio deixa sen casa dúas familias de Maside e están a recibir axuda dos veciños
Quedaron co posto, Soraya e María Luísa perdérono todo no incendio que calcinou a súa vivenda en Dacón. Na casa vivían 11 persoas, 5 adultos e 6 menores, pero, por sorte, non había ninguén.
"Non puideron facer nada, a casa estaba envolta en lapas. Quedamos co posto, sen documentación, sen roupa, sen os agasallos dos nenos para o Nadal, sen nada de nada", explica Soraya, que vivía na casa queimada.
"Cando viñemos aquí xa estaba a policía e os bombeiros e non puidemos facer nada. Os veciños, que Deus lles dea saúde e sorte, que nos están axudando en todo, en todo o que poden están axudando", di María Luísa.
A veciñanza estase solidarizar con eles ofrecéndolles a súa axuda.
"Agradecer a todos os veciños das aldeas de aquí e arredores, aos alcaldes e á alcaldesa de Boborás, pola colaboración que están a facer de axudarnos con alimentos e roupa", asegura Soraya.
"Non teñen onde meterse, leváronos aí para unhas caravanas e haberá que axudalos no que se poida". "Colaboramos todos co que puidemos", din dous veciños de Dacón, en Maside.
O único, din, que piden é poder ter un teito en que vivir mentres arranxan a súa vivenda.
"Eu fago o chamamento de que colabore a xente, que nos aluguen unha casa, que o Concello di que se encarga de todo, só pedimos iso, unha casa, unha vivenda onde poder meternos cos nosos nenos", apunta Soraya.
"Que esta casiña mercámola eu o meu marido, só pido a Deus que me arranxen a casa que esteamos fóra na rúa", di María Luísa.
Agora o que teñen é que buscarlles unha vivenda rápido, porque non poden estar nunhas caravanas os nenos que teñen, ten que haber algún piso ou casa a disposición para esta xente para que non teñan que pasar o Nadal aí", di unha veciña que lles está a axudar.
Agardan atopar unha solución desde o Concello ou algún veciño da comarca do Carballiño que estea disposto a alugarlles unha vivenda.