Un incendio calcina por completo unha casa abandonada en Oleiros
Publicado o 17/07/2020 10:32

Un incendio devorou por completo unha casa abandonada en Oleiros, na Coruña, concretamente na Avenida das Mariñas.
Afortunadamente non houbo que lamentar persoas feridas, tal e como confirmaron á central de emerxencias os equipos de extinción que traballaron no lugar.
A partir das 20:45 horas, cando se recibiu a alerta dun veciño, os bombeiros de Arteixo e Betanzos, coa axuda de membros do Servizo Local de Emerxencias de Oleiros, traballaron para sufocar as chamas ata a unha e media da mañá.
Con todo, unha hora máis tarde, tiveron que volver debido a algúns rescaldos que permanecían acesos e que reavivaron o lume. Segundo indica o 112, o incendio quedou apagado arredor das oito da mañá.