CRTVG

Buscar

Un incendio arrasa unha vivenda en Pantón sen causar vítimas

Publicado o 24/02/2020 14:15

O lume arrasou por completo unha vivenda de Pombeiro, no concello lugués de Pantón. Un curtocircuíto parece ser a causa do incendio. Os bombeiros acudiron ao lugar e extinguiron o lume, pero tiveron que volver de madrugada porque as lapas reavivaran. Por sorte, os donos da casa puideron fuxir dela e non sufriron danos persoais.

Os bombeiros de Monforte esfórzanse en rematar de extinguir o lume que deixou arrasada esta casa de Pombeiro, en Pantón. O lume comezou de noite debido, case con seguridade, a un curtocircuíto na instalación eléctrica da vivenda. O dono do inmoble tentou sufocar as lapas utilizando unha mangueira, pero non foi capaz, e o lume espallouse rapidamente. A estrutura de madeira e o material illante, altamente inflamable, arderon con moita facilidade. Os bombeiros conseguiron controlar o lume, pero, cando marcharon do lugar, o incendio reavivou.

"A luz fallou. Subín os automáticos e volveu fallar. Despois prendemos unhas candeas, pero cando nos decatamos xa estaba todo cheo de fume".

"Estaban vendo a televisión e de súpeto comezou o lume e ao pouco viñeron os bombeiros".

Os donos da vivenda queimada non residen habitualmente nela pero si que acoden con frecuencia. Cando se declarou o lume estaban a ver a televisión. Os seus veciños tentaron axudalos nos labores de extinción, pero a intensidade das lapas, a cantidade de fume e as altas temperaturas fixéronos desistir. No lugar case ninguén durmiu pola noite porque, ao reavivar o lume, había risco de que se estendera ás casas lindeiras. Os bombeiros mollaron e arrefriaron o lugar para evitar máis riscos.

"A mangueira non chegou e eu xa pouco vía polo fume. Viñeron os bombeiros e marcharon, pero chamámolos outra vez porque volveu arder. Á mañá estaba todo queimado".

"Estiveron aí axudando os veciños toda a noite porque o lume reavivou".

Os donos da casa aínda non saben se a van reparar. O que é seguro e que haberá que tirar abaixo toda a estrutura interior porque a madeira quedou calcinada.

Noticias web

24/02/2020