CRTVG

Buscar

Un incendio arrasa por completo un garaxe en pleno centro de Guitiriz

Publicado o 26/05/2020 13:42

O lume arrasou por completo este garaxe situado en pleno centro de Guitiriz. En canto se declarou o incendio, acudiron a extinguilo os traballadores municipais, aos que axiña se uniron os bombeiros do parque comarcal de Vilalba. Xuntos, evitaron que as lapas se propagasen aos edificios lindeiros.

Jesús Fonte, empregado do Concello de Guitiriz: "Eu en concreto andaba co camión do lixo recollendo os colectores amarelos cun compañeiro e avisamos o resto dos compañeiros que estaban traballando mentres non chegaban os bombeiros de Vilalba. Parece ser que foi un curtocircuíto, porque o garaxe tiña corrente e estaba o térmico baixado, pero o cacho de cable que vén dende a acometida aos térmicos tiña corrente. Supoño que un rato, ou algo, roeu os cables e provocou iso."
"Arder, ardeu todo, todo o que había. Aquí gardabamos os coches e as cousas, e ardeu todo. Non sabemos o que pasou", sinala un familiar dos donos do garaxe.

Aínda que as lapas non acadaron os edificios anexos, neles si se produciron danos de escasa contía, coma a rotura dalgunha cuberta de fibrocemento. Ademais, o forte cheiro a fume fixo que algúns veciños fosen durmir a un hostal da propia vila.

"Eu estaba falando por teléfono cunha amiga. Chamoume, pensei que era na nosa casa e vin lume. E fomos durmir fóra por cousa dos gases", relata unha veciña.
"Aquí claro que tivo que saír moito fume, porque aquí era todo de madeira e entón arde moito."

Jesús Fonte, empregado do Concello de Guitiriz: "Supoño que nos pisos que están contiguos incluso hai vigas que entran na medianeira dos pisos e incluso por eses furados entrou algo de fume nas vivendas. De feito, houbo xente dos pisos que foi durmir a un hostal por non poder aguantar o cheiro que había do fume."

Os danos materiais provocados polo incendio están pendentes de ser avaliados.


 

Noticias web

26/05/2020