CRTVG

Buscar

Un hotel especializado en illamento covid acolle os estudantes que dan positivo en Mallorca

Publicado o 28/06/2021 15:24

A conselleira balear de Saúde, Patricia Gómez, considera o illamento nun hotel ponte (o Palma Bellver) do alumnado peninsular en viaxe de estudos "unha cuestión de saúde pública". Segundo confirmou, a cifra de positivos elévase a 196, fronte os 175 contabilizados ata o domingo.

"Temos montado un dispositivo importante para dar soporte e información", asegurou nunha entrevista en Onda Cero, da que informou a emisora nun comunicado. "O gromo está a afectar só a persoas novas, non hai ninguén grave, pero hai que poñerlle cerco e contelo para que non se siga propagando", salientou.

A conselleira defendeu o traballo das Baleares para seren un destino seguro e "estas prácticas illadas e ilegais non se poden tolerar". "Merecemos ese recoñecemento que fixo o Goberno británico como destino seguro", declarou sobre a inclusión das illas no chamado "semáforo verde", que reduce os requisitos para que a cidadanía británica viaxe ao arquipélago.

Segundo Gómez, tras coñecerse o macrogromo, o Govern puxo en marcha un dispositivo para detectar o estudantado que participou en actividades "co que xa marchou e está contaxiado", en coordinación co Ministerio de Sanidade e as comunidades afectadas.

Illadas case 200 persoas no hotel ponte

Hai 268 persoas que "estiveron en contacto con grupos de contaxiados", ás que a Consellería balear de Saúde quere facer unha proba diagnóstica. No hotel ponte, con asistencia sanitaria, xa hai máis de 200.  

"Tivemos positivos en diferentes grupos que nos obrigaron ao seu illamento e a facer probas aos contactos estreitos. Tanto os positivos como os que estiveron en contacto, aínda que deran negativo, estarán en illamento durante 10 días", lembrou.

Sobre os eventos en que se puido orixinar o gromo, foi contundente: "Non podemos toleralo. Non queremos este tipo de actividades. Seguimos cunha desescalada lenta, seguimos co lecer nocturno pechado". "Queremos a máxima seguridade para as nosas illas. Todas as medidas que poidamos poñer en marcha para darlle un plus de seguridade son benvidas", engadiu.

 

Noticias web

28/06/2021