Un hotel compostelán celebra o seu 100% de ocupación en tempos de pandemia
Ben é sabido que os efectos da pandemia se notaron con forza no sector turístico. Aínda así, algúns hoteis poden dicir que, a pesar das circunstancias, encheron a súa capacidade.
É o caso do hotel Alda San Carlos, situado en plena rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela. Así están hoxe: ao 100%. Unha cifra que, por desgraza, en tempos de pandemia é digna de celebración.
O segredo destes bos resultados non o achacan tanto ao turismo, senón a unha serie de eventos na cidade que fixeron que hoxe puideran encher a súa capacidade.
Pero a pesar de que hoxe sexa un día de alta afluencia, nesta cadea tamén notan, coma noutras tantas, os efectos da pandemia no sector turístico.
E é que as pernoitas en establecementos hostaleiros baixaron case un 41% en Galicia durante o mes de agosto en relación co mesmo mes de 2019.
Unhas cifras que aínda están lonxe de recuperarse, pero que pouco a pouco e con responsabilidade, confían en que poidan repetirse.