CRTVG

Buscar

Entrégase o atrincheirado de Oleiros despois de doce horas, tras ferir un axente

Publicado o 19/12/2020 10:54

O desenlace comezou a escribirse sobre as dez da mañá. Coa zona perimetrada, o edificio rodeado e os axentes en posición, un mediador da Garda Civil acabou por convencer o octoxenario de que a mellor alternativa para el era entregarse. Finalmente non opuxo resistencia. Ás dez e vintecinco, o home saía da casa despois de case doce horas de tensión que os veciños da rúa dos Niños viviron pechados nos seus domicilios, pendentes da evolución do caso.

Na vivenda quedan as marcas inequívocas de que o final puido ser outro. O home recibiu a tiros os axentes que se achegaron á casa para comprobar unha chamada de denuncia por violencia machista. Disparou primeiro a través da porta e logo desde unha das ventás da fachada principal. Un dos proxectís feriu superficiamente no pescozo un dos gardas civís. O detido está agora nas dependencias de Lonzas. Os seus veciños contan que nos últimos tempos a súa saúde era precaria.

A policía xudicial rematou xa o seu traballo no lugar dos feitos.

 

Noticias web

19/12/2020