CRTVG

Buscar

Un home identifícase como soberano da República Errante Menda Lerenda ao ser interceptado no Porriño

Publicado o 01/02/2021 14:28

A Policía Local do Porriño abriu unha investigación hai semanas tras recibir o aviso dos servizos sociais para intentar dar co paradoiro dunha familia que non tiña escolarizados os seus 3 fillos este curso. Malia que os axentes intentaron localizalos no domicilio, nunca deron con eles.

A Policía Autonómica tamén estaba sobre a pista e tiñan ademais unha orde de detención contra o pai de familia por outra causa pendente emitida por un xulgado de Vigo.

Por casualidade, o xefe en funcións da Policía Local identificou o seu coche o sábado. Unha patrulla interceptouno e a sorpresa foi maiúscula cando lle pediron a documentación. Identificouse cun carné de soberano da República Errante Menda Lerenda.

O home, de 44 anos, foi trasladado  ao cuartel da Garda Civil para identificalo. Tras detelo, declarou ante a xuíza e alí volveu renegar da identidade recoñecida no DNI e insistiu na súa condición de "Soberano da República Errante Menda Lerenda" e sostivo que os seus seus fillos os educa na casa. Quedou en liberdade á espera de xuízo.

Pero non é a primeira vez que alguén se identifica con este carné. Xa aconteceu en Abegondo con outro individuo nun control da Garda Civil. Unha páxina web desta suposta república defínese como unha micronación proclamada no 1999 en que cada individuo é unha república independente en si mesmo e o seu territorio é a superficie que ocupa en cada momento. Adquirir o certificado de 'soberano' ten un custo de 50 euros.

Noticias web

01/02/2021