Un home envorca o seu coche en Arzúa e dá positivo en alcolemia

Nada máis comezar a operación saída produciuse un accidente en Galicia. En Arzúa, un condutor perdeu o control do coche e acabou envorcando. O home ten 73 anos e deu positivo en alcol.
O sinistro ocorreu ás tres e media da tarde na A-54 á altura de Arzúa. O condutor do vehículo despistouse na saída da autovía e, ao intentar corrixir a dirección, envorcou.
Un particular que pasaba nese momento pola zona avisou inmediatamente os servizos de emerxencia. Os bombeiros tiveron que vir liberar o home e os servizos sanitarios déronlle unha primeira asistencia no propio lugar antes de trasladalo ao hospital.
Por sorte, a pesar do aparatoso do accidente, o condutor non está grave. O home ten 73 anos e é natural de Val do Dubra. No momento do sinistro dirixíase cara a Lugo para participar este sábado nunha xornada de caza. O propio equipo de atestados retirou a súa escopeta do lugar.
Segundo confirmou a Garda Civil, o accidentado deu positivo en alcol, algo que sen dúbida influíu na súa capacidade de reacción.
Este é o primeiro accidente de tráfico do que se ten constancia en Galicia dende que se abriu a operación especial da ponte do Pilar.