CRTVG

Buscar

Un home de 86 anos falece nun incendio en Ourense por mor dunha estufa

Publicado o 24/10/2021 17:30

• Un veciño logrou rescatalo con vida, pero morreu pouco despois

• Todo apunta a que unha estufa de butano orixinou as lapas

Os veciños do Rabo de Galo, na cidade de Ourense, atopaban este domingo unha das súas vivendas precintada e con numerosos danos. Pero cómpre remontarse a esta medianoite, cando un residente se decataba de como as lapas comezaban a saír por un dos cuartos.

A veciñanza conta que alí vivía só un home de oitenta e seis anos e que un dos residentes conseguiu botar a porta abaixo da vivenda e rescatar a vítima, que tiña problemas de mobilidade.

Valentín Blanco, un veciño da zona, relata que "mentres chegaban os bombeiros tentaron entrar para quitar o home e con outro rapaz conseguírono quitar fóra, pero xa estaba moi mal".

Outros veciños trataron de apagar infrutuosamente as lapas, que afectaron especialmente a zona posterior da vivenda.

Crise cardiorrespiratoria

Xa coa presenza dos Bombeiros de Ourense e da Policía Local, o incendio quedou controlado rapidamente pero a vítima sufriu unha crise cardiorrespiratoria por mor da inhalación do fume. Malia recibir a asistencia dos servizos médicos durante uns vinte minutos, acabou falecendo no sitio.

Ao lugar desprazouse un equipo forense e tamén a policía científica para investigar a orixe do lume, que en principio apunta a unha estufa de butano que o finado tiña nun cuarto.

Os axentes precintaron a vivenda coa intención de comprobar se o lume lle afectara á estrutura da construción.

Noticias web

24/10/2021