CRTVG

Buscar

Un home ataca dous gardas civís cunha motoserra en Oza-Cesuras

Publicado o 11/08/2021 14:33

O sábado pasado os axentes deste posto da Garda Civil de Curtis recibiron unha chamada para atender un requirimento xudicial que ordenaba o traslado a unha residencia dunha persoa con problemas psiquiátricos. O home vivía en pésimas condicións de salubridade nesta casa do lugar de Canavoso, no concello de Oza-Cesuras. Os axentes acompañaron ata aquí os traballadores sociais do Concello pensando que ía ser unha intervención sinxela, pero nun abrir e pechar de ollos a cousa complicouse. O sobriño do home quixo evitar por todos os medios que o levasen.

O axente da Garda Civil, Nacho Cortijo, dixo que cando chegaron o sobriño do home que tiñan que levar á residencia púxose moi violento. Asegura que os empuxou e que intentou agredir os traballadores sociais. Despois dixo que entrou na casa, acendeu unha motoserra e saltou cara a eles de forma ameazante. 

O susto foi grande pero a rápida actuación dos axentes evitou males maiores. Nacho Cortijo, dixo que lle botaron na cara aerosol de pementa para intentar reducilo e que o pecharon na casa ata que o gas comezou a facer efecto. Unha vez controlalo procederon á súa detención. O agresor foi posto a disposición xudicial, acusado dun presunto delito de atentado á autoridade.

Noticias web

11/08/2021