CRTVG

Buscar

O mundo da ciencia reclama normas para regular a ventilación de interiores

Publicado o 14/05/2021 12:38
O mundo da ciencia reclama normas para regular a ventilación de interiores

Un grupo internacional de 40 especialistas de 14 países, con participación do CSIC, pediu establecer medidas concretas para a ventilación en interiores, como o fluxo de aire e as taxas de filtración para combater as enfermidades de transmisión aérea como a covid-19.

Reclaman o cambio ou elaboración de normas para regular a ventilación, do mesmo xeito que nos séculos XIX e XX se aplicaron para eliminar os patóxenos da auga potable e para evitar as infeccións nos alimentos.

A petición concretouse nun artigo que publica a revista Science, liderada pola científica Lida Morawska, da Queensland University of Technology de Australia. Ademais, conta coa participación de dous investigadores españois, Xavier Querol, do Instituto de Diagnose Ambiental e Estudos da auga do CSIC (IDAEA-CSIC), e José Luis Jiménez, da Universidade de Colorado (nos Estados Unidos).

O grupo científico esixe o recoñecemento universal de que as infeccións se poden previr mellorando os sistemas de ventilación interior e exhortan a conseguir un "cambio de paradigma" na loita contra patóxenos transmitidos polo aire.

Novas normas

Xavier Querol indicou, nun comunicado do CSIC en Cataluña, que "levamos máis dun ano alertando conxuntamente da importancia da transmisión aérea da covid-19 en espazos interiores. Fixemos guías para ventilar colexios e asesoramos noutras contornas".

"Agora en España é necesario que se apliquen normas e certificacións obrigatorias a este respecto para oficinas, restaurantes, espectáculos e transporte público, entre outros espazos", engadiu.

Xa en marzo e xuño do pasado 2020, este equipo científico internacional pediulle á Organización Mundial da Saúde (OMS) que recoñecese a necesidade de controlar o risco da transmisión aérea de infeccións respiratorias. Daquela, publicou un artigo na Environment International con recomendacións para reducir o risco de transmisión aérea da covid-19.

Piden que os estándares obrigatorios de ventilación dos edificios inclúan un maior fluxo de aire, taxas de filtración e monitores que lle permitan á cidadanía observar a calidade do aire nos espazos interiores compartidos.

Ao seu xuízo, debería haber estándares nacionais e internacionais de ventilación para controlar os  patóxenos, dadas as probas de que a transmisión polo aire propaga infeccións.

Actualmente, a maioría dos estándares mínimos, á excepción das instalacións de ventilación e atención médica especializadas, só controlan o cheiro, os niveis de CO2, a temperatura e a humidade.

Noticias web

14/05/2021