CRTVG

Buscar

Dispáranse os casos activos en Galicia (+160) e confírmase un novo falecemento

Publicado o 20/08/2020 11:34

• A morte dun home de 90 anos no CHUAC eleva a 626 os falecidos

• A área da Coruña supera de novo o milleiro de casos

Galicia alcanza os 1.783 casos activos por coronavirus nunha xornada con suba récord (+160), en parte por un gromo detectado nunha residencia no Incio, con 65 usuarias afectadas, segundo os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. É a maior suba dende o 6 de abril.

A Coruña, por riba dos 1.000

Do total, 1.045 son da área da Coruña (+85), 170 da de Lugo (+34), 157 da de Ourense (+12), 80 da de Pontevedra (-4), 141 da área de Vigo (+3), 113 da de Santiago (+22), e 77 da de Ferrol (+8).

Deste xeito, Galicia sitúase en niveis rexistrados a mediados de maio.

Repuntas espalladas por Galicia

Os gromos proliferan nas catro provincias galegas, moitos deles en forma de repunta. Unha das que máis preocupa arestora é a detectada na residencia de maiores de Fundación San Rosendo no Incio. Hai 69 persoas infectadas, 4 traballadores e 65 residentes.

A área sanitaria de Lugo converteuse na segunda con máis casos: 170. Dous focos suman 8 positivos en Sarria.

En Monforte xa son 38 os positivos no gromo detectado entre os veciños deste inmoble, que seguen confinados por prevención.

Soben tamén os casos na área de Ourense, son 157. Séguea a de Vigo con 141 e outra suba importante rexistrouse na de Santiago.

Nesta área seguen sumando casos positivos do gromo detectado entre 4 amigos novos. No centro de saúde seguen facéndolles probas a mozos de entre 18 a 30 anos.

Preocupación no Incio

Os casos nas residencias galegas dispáranse. Pasan de 11 a 76, logo de detectarse 65 casos de coronavirus entre usuarios nunha residencia no Incio, segundo confirmou o Sergas. Tamén deron positivo 4 traballadores.

O alcalde do Incio, Héctor Manuel Corujo (PP), confirmou que solicitará a Sanidade un "cribado masivo" para detectar casos activos na vila.

Un novo falecido

A última persoa en perder a vida por mor do coronavirus foi un home de 90 anos que estaba ingresado no CHUAC, o que eleva a cifra de falecidos nesta pandemia a 626 no noso país. É a sétima vítima mortal nos últimos 15 días.

Soben as hospitalizacións, aínda que pouco

Do total de pacientes hospitalizados, 6 están na UCI (+1), 64 en unidades de hospitalización (+9) e 1.713 no domicilio.

Aínda que as cifras de casos activos nos sitúan en niveis próximos a mediados de maio, e non se debe baixar a garda nas medidas hixiénicas e de seguridade, é preciso sinalar que a situación é ben distinta á vivida en abril e maio por tres factores:

  • Hai máis cribados, o que aumenta o número de casos activos.
  • Moitos son xente nova asintomática ou leve.
  • As hospitalizacións soben a un ritmo menor, non hai colapso sanitario.

Do total de casos, o 0,3% na uci, 3,5% en planta e 96% na casa.