Un gromo en Pedrafita deixa seis positivos e 35 illados
Un gromo afecta a seis persoas en Pedrafita do Cebreiro e obriga a que un total de 35 estean a gardar corentena, indicaron fontes sanitarias. Na xornada deste sábado detectáronse dous contaxios na zona e o protocolo de seguimento de contactos levou a que se lles fixesen probas a 35 persoas, catro das cales deron tamén positivo.
En todos os casos, seguen en illamento. Ademais, na xornada deste domingo as autoridades sanitarias continúan coa realización de probas na zona para tratar de localizar outros posibles positivos.
Soben os positivos en todas as áreas sanitarias
Hoxe rexístranse en Ourense 16 caos máis ca onte. En total hai 94 casos activos, con tres hospitalizados. Na provincia detectáronse trece gromos, os dous máis novos son os dunha familia do Carablliño e o doutra familia que vive dispersa en varios concellos da provincia, co cal o gromo non se adscribe a nigún municipio en concreto. Todas estas persoas están confinadas no seu domicilio.
Na provincia de Lugo hai 110 contaxiados, seis máis ca onte. Hai catro persoas hospitalizadas, unha delas na UCI. Seis dos positivos están no Cebreiro, na parroquia de Fonfría, zona moi concorrida polos peregrinos do Camiño de Santiago e onde 35 persoas permanecen illadas nos seus domicilios.
Danse por controlados os gromos de Cospeito, con dez positivos e o de Castro Ribeiras do Lea, con seis. En ambos os casos todos os seus contactos están illados, o mesmo ca os once tripulantes do Punta do Xuncos atracado no porto de Burela e que mañá recibirán os resultados das últimas probas.
Na área sanitaria de Pontevedra hai un contaxiado máis ca onte, sesenta en total. Ademais, permanecen illados unha vintena de traballadorers do hospital Montecelo, entre sanitarios e non sanitarios, logo de que se confirmara o positivo dun paciente galego procedente de Venezuela que ingresou por urxencias debido a patoloxías cardiorrespiratorias e que dera varios falsos negativos nas PCR. A súa muller insistiu en que lle repetisen as probas, xa que o pasaxeiro do asento do lado no avión dera positivo. Este paciente, de 69 anos, foi o que morreu onte.
Na área sanitaria de Vigo tamén se incrementaron os casos e hai 134 contaxiados, cinco máis ca onte.
Con respecto ás residencias, polo de agora non hai ningún usuario contaxiado pero si catro profesionais en Paradela, Xove, Culleredo e Coles. Neste último caso trátase dun traballador que estaba de vacacións e que non chegou a incorporarse ao seu posto de traballo.