Un gromo detectado nunha residencia de Mos deixa máis dun cento de positivos
Publicado o 13/11/2020 21:49

Un gromo da covid-19 que foi detectado no centro de Doral Residencias en Mos (Pontevedra) sumou decenas de casos positivos entre os seus traballadores e usuarios.
Fontes da Consellería de Política Social estiman que o número de contaxiados vinculados a esta residencia podería situarse arredor do centenar, aínda que ata o de agora descoñécese a cifra exacta. Polo momento, os datos deste centro residencial, que dispón de múltiples módulos diferentes con varios tipos de usuarios, continúan validándose.
As mesmas fontes precisaron que, entre todos os centros que hai en Doral Residencias, súmanse 217 usuarios, persoas maiores e con discapacidade, e ao redor de 265 traballadores.