CRTVG

Buscar

Un Gordo repartido deixa premios grandes en Reus, Salamanca e Alacante

Publicado o 22/12/2019 21:16

A esta administración de lotería, a número 1 de Salou, chegaron 90 series do primeiro premio. Todo un golpe de fortuna, pero só venderon dúas neste despacho; oito foron devoltas e 80 repartíronse en Reus, no centro aragonés El Cachirulo, onde se desataba o xúbilo pucos minutos despois das nove da mañá.

Alí tocaron 320 millóns de euros, fundamentalmente a familias aragonesas afincadas en Cataluña. "Cada papeleta é de cinco euros, o cal implica un premio de cen mil euros", explicabla José Allueva, presidente de El Cachirulo

Algúns vivírono con sensación de inverosimilitude e outros suliñaban que, entre os afortunados, hai moita xente humilde que o pasou mal durante a crise. "Eu tiven que miralo varias veces para estar seguro de que era o Gordo". Outra afortunada sinala: "Que imos facer? Sobrevivir, porque despois de pasar un tempo moi mal é un coxín que che dá un pouco de tranquilidade".

Esta administración de Salamanca foi a segunda no reparto de fortuna: 25 series. 100 millóns que foron parar, na maior parte, a unha escola de iudo. "Vendéronllos os nenos da escola a familiares; entón case todo está repartido entre avós, pais, son os qu compran as participacións", di a propietaria do establecemento.

A provincia de Alacante foi a segunda, no total, canto ao reparto de cartos: 40 series entre 3 localidades; San Vicente del Raspeig, Moraira e Alcoi. Nesta última xurdía o testemuño humano de quen vive a sorte cunha fenda de tristura por non poder compartila con todos os seres queridos: "Porque ao meu marido sempre lle facía moita ilusión. Está ingresado nunha residenia por Alzheimer e danos moita pena porque non o pode vivir coma nós".

O ronsel do Gordo pasou por dúas administracións barcelonesas, nas que se venderon 7 series, e cantidades menores foron para Sevilla, Murcia ou Madrid. Na capital do Estado caeu en Doña Manolita, unha administración de sona asociada desde hai décadas ao Nadal.

Noticias web

22/12/2019