CRTVG

Buscar

Un golazo de Giroud castiga un Atlético conservador e en horas baixas

Publicado o 24/02/2021 12:38

O Atlético transportou a Europa o ángulo máis pechado do seu xogo nunha serie de xeométricas feblezas que arrastra o equipo.

Diego Simeone, adestrador do Atlético de Madrid: "Estamos nun momento de difícil nos cinco últimos partidos. Máis polos resultados que polo feito no campo".

Problemas coa puntería como demostra a chegada de Suárez facendo de carteirista entre Rudiger e Marcos Alonso. Penetra na área o uruguaio e o balón acomodado no segundo pau non atopa o remate a xeito de Lemar.

O Chelsea arrimouse con perigo a Oblak e forza a parada do porteiro esloveno. Reméxese moi ben Werner diante de Savic e peta no coiro con ganas buscando porta.

Cero a cero ao descanso e arrancada do segundo tempo con oportunidade para o portugués Joao Felix que escolle a chilena como ferramenta de ataque a unha pelota mal despexada pola defensa, e con Suárez de plantón no pau de atrás.

Diego Simeone, adestrador do Atlético de Madrid: "Faltounos asociarnos mellor e máis precisión a partir da recuperación da pelota".

Cústalle tamén a seguridade defensiva de antano e chega o gol inglés a dez minutos do final. Un balón enchufado na área no que todo o mundo mete a perna ao chou pero no que é Giroud quen caza. Chilena do francés e debate sobre a legalidade do gol. A revisión de VAR deduce na documental que Hermoso habilita e cero a un que condena a un Atlético ao que o partido non lle deu para máis.

Noticias web

24/02/2021