Un garda de seguridade do HULA, vítima dunha agresión por parte dun paciente
Un garda xurado foi vítima dunha brutal agresión no hospital Lucus Augusti de Lugo. Os feitos producíronse a fin de semana, mentres a vítima estaba a traballar no servizo de Urxencias. O presunto agresor, un paciente que chegou en estado de intoxicación etílica, propinoulle unha forte puñada ao vixilante.
"Estes casos non se deberan seguir dando, pero danse porque andamos demasiado nerviosos con isto que está ocorrendo. Non sabes como actuar, ás veces". "Ultimamente non sei que pasa. Non sei se é polas drogas, o alcol ou é que nos estamos volvendo tolos. Non sei que pasa", sinalan varias lucenses.
"Cada día o persoal de seguridade privada está sufrindo máis, e con máis violencia, agresións. Temos moi pouquiña protección xurídica, e realmente as agresións ao persoal de seguridade privada ten moi poucas consecuencias para os agresores", asegura Xosé Paz, responsable da CIG do sector da seguridade privada.
Como consecuencia destes feitos, o vixilante agredido encóntrase de baixa. O seu caso vénse a sumar ao doutro garda xurado do HULA que o ano pasado fora acoitelado. Para evitar este tipo de situacións delicadas, os sindicatos do sector reclaman máis medios para os traballadores.
"A maior parte das veces négansenos ou simplemente non se atenden, por unha mera cuestión económica. No HULA, o ano pasado sufriu unha puñalada que case lle custa a vida. Levamos, dende aquela, pedindo chalecos anticorte e a día de hoxe aínda non se lle facilitou ao persoal do HULA eses chalecos", di Xosé Paz.
Co fin de darlle solución a este problema, a CIG solicitou unha xuntanza co subdelegado do Goberno en Lugo.