CRTVG

Buscar

Un estudo do Centro Oceanográfico demostra que as cabichas poden transferir metais pesados ao mar

Publicado o 06/05/2021 14:43

A estimación a nivel mundial é que cada ano se tiran ao mar case cinco billóns de cabichas. Os restos de cigarros figuran entre os 10 residuos máis frecuentes nas praias europeas. O Instituto Oceanográfico de Vigo acaba de realizar un estudo en colaboración cun centro de investigacion francés, para saber como contaminan as cabichas.

A fase experimental consistiu en fumar artificialmente en laboratorio cigarros con tres tipos de filtros. Despois esas cabichas depositáronse en mallas no fondo mariño dun porto nunha praia. Despois de catro meses recolléronse e analizáronse. Así comprobouse que as cabichas acaban transferindo ao mar metais pesados, sobre todo cobre.

Juan Santos Echeandía, científico titular do Instituto Español de Oceanografía, explica que "tirar cabichas en zonas de praia ou zonas portuarias o que vai facer nun principio é absorber metais do medio, que podería parecer beneficioso e de feito o é. Pero se estas cabichas con altas concentracións de metais foran transportadas polas correntes ou polo vento a zonas de auga máis limpas, aí si que poderíamos ter un efecto da liberación de metais, como o que comprobamos no laboratorio, ao medio mariño".

Outra parte do experimento realizouse nun acuario con ostras, onde se comprobou que os moluscos podían chegar a absorber parte dos metais liberados polas cabichas. Estes estudos forman parte do Proxecto Clean Atlantic, onde 19 institucións europeas colaboran co obxectivo de investigar sobre o impacto ambiental do lixo mariño e concienciar a sociedade sobre as súas consecuencias.