Un estudo da RAG evidencia o efecto desgaleguizador nas etapas educativas

A RAG publicou un estudo que indica que se consolida a perda de falantes de galego no avance das diferentes etapas. O informe confirma que a substitución lingüística polo castelán se inicia desde os primeiros cursos escolares e consolídase na adolescencia.
Esrte mércores presentaron na Casa de Cultura de Bertamiráns o Mapa sociolingüístico escolar de Ames, nun acto en que participou Víctor Freixanes —presidente da RAG—, Henrique Monteagudo —coordinador do Seminario de Sociolingüística— e Blas García, alcalde de Ames.
A investigación céntrase arredor de entrevistas e enquisas a máis de 2.000 familias, 264 docentes e preto de 1.800 escolares. Os resultados evidencian que a evolución das tendencias de uso do idioma desde a chegada dos nenos á escola é preocupante canto ao galego.
Un de cada dez alumnos renuncia á lingua, que é de uso prioritario no ámbito familiar, no primeiro contacto co centro. Estes datos danse a pesar de que o 41 % e un 47,5 % dos pais do primeiro ciclo de infantil aseguran que falan habitualmente galego coas crianzas, e o 12 % asegura usar ambas as linguas.
Este estudo afirma que o cambio cara ao castelán aumenta desde os 2/3 anos ata os 6/7, coincidindo co paso do ciclo de infantil ao de primaria. Por veces, esta circunstancia pode coincidir con cambios de centro educativo e o uso de redes sociais, un resultado "novo e non constatado previamente" noutros informes sociolingüísticos.
O propio Henrique Monteagudo advirte que o informe demostra que o medio escolar "non é amigable para o galego" e non proporciona aos rapaces "o ambiente adecuado para desenvolver as súas competencias e capacidades comunicativas" neste idioma, o cal se constata á súa vez con que máis do 50 % dos estudantes de secundaria declara non sentirse cómodo á hora de expresarse nesta lingua en público.
Este efecto desgaleguizador prodúcese tanto dentro como fóra das aulas, engade o documento, debido a que nos centros se celebra toda clase de actividades de lecer, deportivas e formativas complementarias que tamén inflúen nas tendencias comunicativas dos alumnos.
O informe indica que preto do 25 % do alumnado de primaria de Ames nunca tivo presente a lingua galega nos seus principais contextos de socialización, é dicir, a relación entre iguais e as actividades extraescolares. Neste último caso, "parece ter máis presenza unha lingua estranxeira que a lingua galega", engade o estudo.
Todos estes resultados utilizaranse como base por parte da RAG e o Concello para deseñar unha serie de propostas de intervención para tentar frear esta perda de transmisión xeracional na área de influencia do municipio.