CRTVG

Buscar

Un estudo chinés conclúe que os homes teñen unha COVID-19 máis grave e o dobre de probabilidade de morrer

Publicado o 29/04/2020 08:14
Un estudo chinés conclúe que os homes teñen unha COVID-19 máis grave e o dobre de probabilidade de morrer

A taxa de letalidade dos homes por COVID-19 é máis do dobre que a das mulleres, segundo un estudo realizado na China que constata, con todo, que ambos os sexos teñen as mesmas probabilidades de contraer o coronavirus.

Esta é a principal conclusión dun estudo que se publica na revista Frontiers in Public Health, que analiza as diferenzas entre os pacientes homes e as pacientes mulleres e conclúe que os homes de maior idade poderían necesitar coidados adicionais e un acceso máis rápido ás UCI.

O traballo atopa que os homes e as mulleres teñen as mesmas posibilidades de contraer o virus, pero que os homes son significativamente máis propensos a sufrir os efectos severos da enfermidade e a morrer.

Para chegar ás súas conclusións, os investigadores, do Hospital Tongren de Beijing (A China), analizaron un conxunto de datos de 43 pacientes de COVID-19 que eles mesmos trataran e datos de 1.056 persoas que están dispoñibles publicamente; ademais, tamén incluíron cifras de 524 pacientes de SARS de 2003 (os dous coronavirus que están detrás destas enfermidades son parecidos).

"A principios de xaneiro notamos que o número de homes que morrían por mor da COVID-19 parecía ser maior que o número de mulleres", sinala Jin-Kui Yang, do citado hospital de Beijing. Entón, relata, expuxeron a pregunta de se os homes son máis susceptibles de contraer a enfermidade ou de morrer por causa dela.

Entre os pacientes, os investigadores confirmaron que as persoas maiores e as que tiñan condicións subxacentes específicas tendían a ter unha enfermidade máis grave e tiñan máis probabilidades de morrer.

Con todo, a idade e o número de homes e mulleres infectados eran similares, pero os homes tendían a padecer unha enfermidade máis grave.

Dos datos de pacientes con COVID-19 examinados, máis do 70 por cento dos que morreron eran homes, o cal significa -apunta  Yang- que os homes teñen unha taxa de letalidade case 2,5 veces maior que as mulleres. "E o interesante é que ser home supón un factor de risco significativo para ter unha enfermidade máis grave, sen importar a idade".

No conxunto de datos do SARS de 2003, os científicos acharon unha tendencia similar, cunha taxa de letalidade significativamente maior entre os homes.

Tanto no SARS como na COVID-19, o virus é capaz de entrar na célula humana grazas a unha proteína que se une a outra, denominada ACE2. Esta atópase nas nosas células, e o traballo tamén a examina. Así, segundo este estudo, os niveis de ACE2 tenden a ser máis altos en homes e en pacientes con enfermidades cardiovasculares e diabetes, todos eles con peores resultados.

A pesar destas conclusións, Yang e os seus colegas indican que é necesario seguir investigando para determinar por que os homes con COVID-19 tenden a ter peores resultados.