CRTVG

Buscar

Un estudo calcula que a crise do coronavirus afecta preto de medio millón de empregos en Galicia

Publicado o 01/04/2020 15:22
Un estudo calcula que a crise do coronavirus afecta preto de medio millón de empregos en Galicia

O peche de actividades a causa da pandemia do coronavirus afectou en Galicia 479.000 traballadores, unha cifra que no global de España eleva a 9,2 millóns de traballadores. A crise da COVID-19 impedirá, segundo este informe, 1,7 millóns de ofertas laborais e danará máis aos que buscan o seu primeiro emprego, parados de longa duración e maiores, segundo un estudo da Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea). 

A análise, usando datos das persoas ocupadas en cada sector en España da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e da Mostra Continua de Vidas Laborais (MCVL), estima que, se nun primeiro momento o peche afectou o comercio polo miúdo, a hostalaría e moitos servizos presenciais que empregaban 3,3 millóns de traballadores, a ampliación das restricións aumentou este parón ata os 9,2 millóns de persoas, a metade delas en Madrid, Cataluña e Andalucía.

1,7 millóns de ofertas laborais menos

Destas cifras, engade o estudo, habería que restar aos traballadores que puideron optar polo teletraballo, un número que non se coñece polo momento. Xunto a estes efectos directos, FEDEA advirte de que as medidas inflúen en decisións de despedimentos, renovación de temporais e novas contratacións, é dicir, aos fluxos de entrada e saída do mercado. A crise "podería evitar case 1,7 millóns de ofertas" e "levaría a pospoñer arredor de 1,3 millóns de cesamentos, que poderían producirse de golpe unha vez pasada a mesma". 

Tamén sinala o informe "terá previsiblemente efectos adversos importantes, aínda que en boa medida indirectos", sobre tres grupos de persoas: desempregados de longa duración sen prestacións, novos entrantes e os traballadores de maior idade. Para protexer a estes colectivos, recomendan, "podería ser necesario introducir transitoriamente unha renda mínima de ampla cobertura e duración, así como reforzar as políticas activas de emprego e mellorar a súa eficacia".