CRTVG

Buscar

Un estudante santiagués participará na Olimpíada Internacional de Xeoloxía

Publicado o 05/05/2021 21:49

Álvaro estuda 2.º de bacharelato nun instituto de Santiago. Alí descubriu a súa paixón polas rochas e os minerais, que o levou a gañar a Olimpíada Española de Xeoloxía. Agora, irá pola Olimpíada Internacional.

Entre as pedras do instituto compostelán Rosalía de Castro atopamos máis pedras. Ringleiras e ringleiras de pedras. "Estamos nunha especie de museo".

E entre rochas e minerais atopamos a Álvaro, gañador da Olimpíada Española de Xeoloxía. Ese primeiro posto vén dicindo que este alumno de 2.º de Bacharelato é o que máis sabe de todo o Estado neste eido, aínda que dubide. "Non sei se debería ser eu quen estea aquí. Pero, vaia, contento".

Foron meses de preparación xunto a María. Agora xa pensan en agosto, na participación de Álvaro na Olimpíada Internacional, en espertar vocacións. "É achegarlles un pouco a Xeoloxía, darlles outra mirada. Non é unha pedra, outra pedra, outra pedra...". 

"Dando unha volta de súpeto ves algo e dis: isto sei como se formou. Por exemplo, esta rocha vese que se foi pregando como plastilina. E, co tempo, fóronse formando estes cristais claros por unhas condicións favorables (...). Gústame especialmente a historia xeolóxica, que poidas reconstruír o pasado da Terra a partir das pedras".

Contan que neste centro a Xeoloxía se puxo de moda dende hai tres cursos. "Non é unha materia moi collida en 2.º de bacharelato, pero pasamos de 8 alumnos a 36".

E alí pensamos nos anos desta pedra: "Uns 300 millóns de anos".

E nos anos deste campión: "Eu teño 18".