CRTVG

Buscar

Un estudante de 18 anos mata polo menos seis persoas nunha universidade rusa

Publicado o 20/09/2021 18:31
Un estudante de 18 anos mata polo menos seis persoas nunha universidade rusa
EFE

O tiroteo rexistrado este luns no campus dunha das universidades de Perm, nos Urais, causou seis mortos e polo menos 24 feridos, conforme ao último reconto ofrecido polas autoridades rusas. 19 deles teñen feridas de bala.

O atacante é un alumno da facultade de Dereito, que deixou unha mensaxe nas redes sociais antes do tiroteo, segundo os medios rusos. "Ódiome a min mesmo, pero quero causar dor a todos os que se interpoñan no meu camiño", escribiu o estudante, quen agregou que o ataque non é un atentado e que el non forma parte de ningunha organización extremista. O mozo, de 18 anos, resultou ferido cando opoñía resistencia ás forzas da orde durante o operativo despregado para deterlle e actualmente está ingresado na unidade de coidados intensivos dun hospital local.

O autor do crime estaba armado "cunha escopeta" de caza e "unha navalla", segundo o axente que lle neutralizou. Un dos alumnos da Universidade de Perm dixo que "o atacante comezou a disparar nada máis entrar no recinto" do centro. "Nós encerrámonos nunha aula durante unha hora, eramos unhas 60 persoas", dixo o estudante. As imaxes desde o lugar indican que o agresor tamén disparou contra os vehículos estacionados na zona universitaria antes de dirixir a arma ás persoas. Varios alumnos saltaron polas xanelas para poñerse a salvo do tiroteo.

O presidente de Rusia, Vladímir Putin, expresou as súas condolencias aos familiares das vítimas, mentres o primeiro ministro do país, Mijaíl Mishustin, enviou ao lugar dos feitos os responsables das carteiras de Sanidade e de Educación. "Esta é unha gran desgraza, e non só para as familias que perderon os seus fillos, senón para todo o país", engadiu Putin máis tarde nunha reunión coa presidenta da Comisión Electoral Central (CEC) de Rusia, Ela Pamfílova. Prometeu que os corpos das forzas de seguridade "farán todo o necesario para investigar este terrible crime, para determinar os motivos detrás do mesmo".

As autoridades locais declararon un día de loito polas vítimas do tiroteo e suspenderon as clases en todas as escolas e universidades de Perm aos que encomendaron reforzar "todas as súas medidas de seguridade".



 

Noticias web

20/09/2021