CRTVG

Buscar

Un enxeñeiro galego participa na observación aérea do volcán da Palma

Publicado o 10/10/2021 15:20

As imaxes máis espectaculares e precisas do percorrido da lava do volcán de Cumbre Vieja están sendo gravadas por drons. O uso destes aparellos facilita a actuación dos científicos e dos servizos de emerxencia. E mesmo axuda na toma de decisións sobre a evacuación da poboación.

Detrás destas tomas aéreas da illa da Palma hai dende o primeiro día un enxeñeiro galego." Somos os ollos dos científicos e dos técnicos", di Domingo Fernández, presidente da Asociación Canaria de Pilotos de Drons.

No seguimento do volcán de Cumbre Vieja, o equipo de drons que o sobrevoan a diario está sendo clave. Chegan a zonas de acceso imposible para o ser humano pola a súa perigosidade e gravan imaxes do que alí ocorre.

"Nós encargámonos da fotogamétrica e termográfica e facemos dous voos diarios. De día, co fume case non se ve, e coas cámaras termográficas o que facemos é ver por onde descorren as coadas máis activas e poder prever as xentes de emerxencias para protexer ou evacuar a poboación", explica Domingo Fernández.

Convertéronse en grandes aliados na xestión desta emerxencia volcánica e no control científico do proceso eruptivo. "Vaise facendo coma un escáner dende o nivel do mar cara ao volcán e en cada pasada vanse sacando unhas 1.500 fotos ou 2.000", explica.

Son condicións extremas, que poden superar os mil graos centígrados, cando sobrevoan o cono do volcán e onde a cinza é un problema maior. "Normalmente voamos a favor de vento, para maior seguridade pero hai días que hai choiva de piroclastos e temos que parar", comenta. 

Noticias web

10/10/2021