Un engaiolador profesional estafa 14.000 euros a unha luguesa
Foi a directora dunha sucursal bancaria a que alertou un familiar da vítima, unha muller de 54 anos de que esta podía estar a ser estafada.
"Moitas veces a vítima nin é consciente; neste caso, a que se deu conta e axudou foi a directora da sucursal bancaria, informando os familiares para que puxeran a denuncia", di Francisco Vázquez, Xefe da Unidade de Delincuencia Organizada de Lugo.
A policía coñece este tipo de estafas como furtos amorosos. Cométenos delincuentes que contactan coas súas vítimas a través das redes sociais. Pouco a pouco van gañando a súa confianza. Cando o conseguen acaban pedíndolles cartos. A escusa soe ser un problema repentino ou unha situación persoal complicada.
Neste caso a vítima entregoulle cartos en varias ocasións. En total 14.000 euros. A policía di que as vítimas adoitan ter un perfil semellante.
"Homes e mulleres de mediana idade que se atopan sós que teñen poucas habilidades sociais ou falta de amigos e estes estafadores aprovéitanse desta vulnerabilidade para gañar a súa confianza", di Francisco Vázquez, Xefe da Unidade de Delincuencia Organizada de Lugo.
Detrás destes estafadores virtuais soen agocharse delincuentes profesionais aos que non é doado seguir o rastro xa que soen contar cunha rede de persoas con contas a diferentes nomes onde reciben os cartos.