Un empresario de Vigo recada a través do seu blog cartos para o banco de alimentos
É o fundador dunha empresa especializada en sistemas e-learning que posúe ademais un blog en que ofrece asesoramente tecnolóxico de balde. Agora quere que os seus 90.000 seguidores lle axuden a el a recadar fondos para o banco de alimentos de Vigo.
"Eu levo moitos anos co meu blog axudando á xente con artigos, vídeos, explicándolles cousas, contestando dúbidas etc... entón moita xente agradécemo de palabara e a idea era, vale agradécemo pero axudándome a axudar a outros. O que fixen foi, vale, por cada euro que doen eles, eu doo outro non, entón se ti doas 10, eu outros 10 e temos 20 para darlle ao banco de alimentos" , comenta José Manuel Alarcón, empresario vigués
Dende o banco de alimentos de Vigo aplauden esta iniciativa, sobre todo nun momento en que aumentou a demanda un 40%.
"Cremos que é unha iniciativa moi boa, polo que se ve está tendo bo resultado, bo seguimento e realmente o único que podemos facer é darlle as grazas a este home por contar con nós por pensar en nós, e máis que nada por pensar na xente que o está a pasar mal", declara Iván Martínez, vicepresidente do Banco de alimentos de Vigo.
Nos poucos días que leva funcionando a iniciativa, recadou xa 1.500 euros. José Manuel confía que serán moitos máis porque sabe que el e os compañeiros de profesión son a día de hoxe uns privilexiados porque no seu sector o traballo non falta.