CRTVG

Buscar

Un galego, interceptado en Cataluña co cadáver da parella rumbo a Suíza

Publicado o 09/04/2021 15:37

Un galego que emigrou hai tempo a Suíza foi detido aos 66 anos nunha pequena localidade do Empordà despois de que fuxira dun control policial en Francia sen motivo aparente ata que se descubriu que viaxaba co cadáver da súa parella, que falecera había dúas ou tres semanas.

A investigación, segundo as fontes relacionadas coa mesma, confirma que, aparentemente, o corpo que transportaba no asento do acompañante, aínda que tapado cunha manta, non presenta signos de violencia. O cadáver, que corresponde a un cidadán suízo de 88 anos, presentaba un estado avanzado de descomposición e, mesmo, as mans  momificadas.

O condutor circulara con el por España segundo sospeitan os investigadores, aínda que apenas lle extraeron máis datos que o de que eran parella. Este xoves entou en Francia, pero uns vinte quilómetros despois de cruzar a fronteira atopouse cun control á altura aproximada do municipio de Lle Voulou.

A opción que escolleu foi a de dar a volta e circular en dirección contraria pola autoestrada ata regresar a territorio español. Por esa vía rápida percorreu uns trinta quilómetros sen facer caso das indicacións dos Mossos d'Esquadra, aos que avisara a policía francesa.

O home abandonou a autoestrada AP-7 pola saída 5 e escolleu a estrada  GI-634, que circula por paraxes do Empordán xerundense, ata que se accidentou ao chegar ao municipio de Jafre. Os Mossos d'Esquadra que lle seguían e os da comisaría de La Bisbal d'Empordà puideron dirixirse entón ao condutor e, cando lle preguntaban pola súa fuxida, descubriron baixo a manta que tapaba o asento do acompañante o cadáver dunha persoa.

Ao primeiro acompañárono a dependencias policiais e o cadáver foi trasladado ás instalacións do Instituto de Medicina Legal de Xirona, onde se lle practicará a autopsia este venres. Alí coñeceranse as causas da súa morte, aínda que fontes da investigación reiteran a falta de confirmación que, aparentemente, non parece que se trate dun crime.

Despois de declarar ante os Mossos d'Esquadra, o galego de 66 anos, que dispón tamén de nacionalidade suíza e que reside en España, pasará á disposición do xulgado de instrución de garda de La Bisbal d'Empordà.

A opción principal que se baralla é que o destino do vehículo antes de atoparse co control policial en Francia era Suíza, aínda que será a investigación a que determine os motivos que levaron o condutor a circular por chan español coa súa parella falecida hai semanas antes de regresar ao país de onde o falecido era orixinario. 

Polo momento, só está detido como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria por conducir temerariamente, aínda que todo está pendente de que se pescuden as circunstancias do caso.