CRTVG

Buscar

Un dos implicados na agresión a Samuel segue libre por falta de imaxes concluíntes

Publicado o 14/08/2021 14:48

Máis de corenta golpes recibiu Samuel Luiz, segundo recolle o sumario deste caso, e un dos posibles implicados no linchamento permanece en liberdade. Varias testemuñas apuntan cara a el, sábese o seu nome e o seu nick de Instagram, pero non se pode identificar con precisión nas imaxes gravadas da malleira. De aí que se insista en que aínda se poden producir novas detencións

O sumario deste caso apunta tamén a que os implicados no crime volveron reunirse a posteriori dúas veces esa mesma madrugada. A primeira foi no parque Europa da cidade herculina, ás catro e media. Alí foi onde o rapaz que iniciou a liorta, Diego, volveu incidir na súa homofobia.
 Un dos supostos implicados neste caso, Kaio, declarou en sede xudicial que lle preguntou que pasaba cando chegou ao parque e que Diego lle contestou: "Teño un problema cos gais... ou algo así"

Esa mesma madrugada aínda tiveron outra xuntanza máis tarde, ao recibir a nova da morte de Samuel Luiz dun xeito casual. A policía teme que esas reunións serviran para que acordaran borrar probas incriminatorias nos seus móbiles, como chamadas e conversas a través das redes.

O sumario tamén confirma o que xa fora avanzado previamente: hai restos de ADN de dous dos detidos moi significativos; concretamente os de Diego no rostro de Samuel Luiz e tamén aparecen os de Alejandro nos fragmentos dunha botella coa que supostamente agrediron á vitima.

Noticias web

14/08/2021