Un dos lugares onde máis neve deixa o temporal é Pedrafita do Cebreiro
Este sábado era día de feira en Pedrafita, pero non se vía nin un só posto. A vila estaba practicamente baleira, non sendo algún repartidor. Primeiro cadramos co das verduras, que vén dende Ponferrada; e despois co panadeiro.
O panadeiro vén cada día dende o Seixo. Dende que chegou a pandemia a distribución do pan reduciuse notablemente. A pouca xente e a covid-19 deixan varios negocios pechados nunha vila que viu onte por primeira vez a neve neste outono.
Nesta zona a neve é sinónimo de traballo, de turistas. Agora a covid-19 mudou as cousas.
A máquina quitaneves non deixa de traballar, pero como onte xeou, hai que extremar as precaucións para circular. Non só no Cebreiro, onde está prohibido o paso de camións e articulados, igual ca no Courel, A Fonsagrada ou Chantada. Dende a Garda Civil tamén se insiste en que se transite con moito coidado por Sarria e por Palas de Rei.