CRTVG

Buscar

Un asesor de Guaidó admite que asinou un contrato e pagou polo ataque a Venezuela

Publicado o 07/05/2020 10:19

O estratego político venezolano Juan José Rendón, responsable do Comité de Estratexia do dirixente opositor Juan Guaidó, admitiu este mércores que asinou un contrato co representante da contratista militar Silvercorp Jordan Goudreau ao que pagou 50.000 dólares para que levase a cabo un ataque que terminase coa detención de varios funcionarios do Goberno de Venezuela.

"Era unha exploración para ver a posibilidade de capturar e entregar á xustiza membros do réxime (de Nicolás Maduro) con acusacións, orde de captura, etcétera", recoñeceu  Rendón nunha entrevista coa CNN en español. Nela sostivo que Guaidó non asinou o acordo e que Goudreau finalmente non recibiu "luz verde" para a operación.

Un dos detidos no ataque di que o plan era enviar a Maduro aos EUA

Luke Denman, un dos dous estadounidenses detidos en Venezuela por un ataque marítimo frustrado, dixo este mércores que tiña ordes de tomar o control do aeroporto próximo a Caracas para enviar o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, aos Estados Unidos. "Debía asegurarme de tomar o control do aeroporto para que puidésemos facer un traslado seguro de Maduro ata o avión", dixo o estadounidense, que, asegurou, ingresou nas Forzas Armadas dos Estados Unidos en 2006 e se especializou en infiltración e traballos tácticos.

As declaracións de Denman foron presentadas por Maduro durante unha conferencia de prensa que ofrece desde o palacio presidencial de Miraflores, en Caracas, xunto a ministros e o alto mando militar, na que participan por videoconferencia embaixadores e xornalistas. O estadounidense explicou que a súa parte do plan, cualificado polo Goberno venezolano como unha invasión frustrada, consistía en establecer unha "seguridade propia", comunicarse coas torres do aeroporto que serve a Caracas e "facer entrar os avións".

"Un (deses avións) era para tomar a Maduro e levalo ata os Estados Unidos", sostivo durante este cuestionario, que inclúe máis de 30 preguntas e foi filmado e difundido en medios públicos. Entre as súas respostas, Denman asegura que traballou xunto a Jordan Goudreau, representante da contratista estadounidense Silvercorp, nestes plans, á vez que di que accedeu a Venezuela xunto a outros dous dos seus paisanos, aínda que ata o de agora só son dous os norteamericanos detidos: el e Airan Berry.

Á pregunta de quen comanda a Goudreau, Denman contesta: "O presidente Donald Trump". Maduro considerou imposible que os Gobernos dos Estados Unidos e Colombia tenten desmarcarse destes feitos porque, dixo, numerosas probas os vinculan con este ataque ocorrido entre o domingo e o luns nas costas dos estados La Guaira e Aragua.

Ademais, no vídeo Denman mostra un contrato en que, segundo asegurou, se descríbe o seu propósito de expulsar a Maduro de Venezuela. O  documento estaría asinado por Goudreau, o asesor político venezolano Juan José Rendón e o líder opositor Juan Guaidó, a quen os EUA e outros 50 países recoñecen como presidente. A resposta do Executivo venezolano para disuadir este "intento de magnicidio" deixou ata o de agora oito implicados falecidos e polo menos 19 detidos. 

Noticias web

07/05/2020