CRTVG

Buscar

O 'narcoavogado' Manuel Estévez Molares, entre os detidos na última macrorredada

Publicado o 29/04/2021 15:22

Entre os detidos na operación contra o tráfico de drogas está o 'narcoavogado' vigués de 63 anos Manuel Estévez Molares. A súa traxectoria de 21 anos como maquinista ferroviario truncouse cando foi descuberto cun alixo de heroína no Porriño. Varias detencións por tráfico de drogas sentarono no banco dos acusados e levárono en 2006 á prisión da Lama, onde permaneceu 6 anos. Tempo suficiente para estudar dereito e saír de prisión cun título que lle permitiu abrir un bufete de avogados en Vigo.

Despacho onde no 2017 a policía descubría, tras seguir uns sospeitosos, que a relación de Molares co mundo do narcotráfico seguía moi activa cun intento fallido de traer desde Colombia 1.500 quilos de cocaína. Ese mesmo ano foi detido por liderar un grupo de narcos que introduciron 60 quilos de heroína desde Bulgaria por estrada ata unha nave de Caldas de Reis. Foi condenado no 2019 a 9 anos de cadea, e unha multa de 9 millóns de euros.

Unha sentenza que adquiriu firmeza en 2020 e pola que a semana pasada debía entrar en prisión, unha entrada que se atrasou por encontrarse en corentena tras contaxiarse de Covid. A detención na operación levada a cabo este martes, en que presuntamente tiña no seu poder un quilo de heroína, volve a poñer a Manuel Estévez Molares baixo a lupa dos grupos antidroga.