CRTVG

Buscar

Un documental sobre a operación Carioca, recoñecido no Festival de Málaga

Publicado o 06/03/2019 22:07

Dentro duns días comeza o Festival de Cine de Málaga e xa coñecemos algún dos premiados: o Premio Especial Biznaga de Prata Afirmando os Dereitos das Mulleres é para unha curta documental galega: Benvidas ao club, un documental que se achega á operación Carioca que, en 2008, destapou en Lugo a maior trama de proxenetas descuberta en España.

Benvidas ao club é un documental baseado na operación Carioca desenvolvida en Lugo, o maior sumario contra a trata visto en España. É a compilación duns feitos que forman parte do subconsciente colectivo dos últimos dez anos, construída a través de informacións e testemuños.

O documental é unha viaxe ao inferno das mulleres vítimas da corrupción, da violencia e das drogas. Unha viaxe polos milleiros de folios que ocupan o sumario dunha rede de proxenetas descuberta en 2008 da que supostamente formaron parte empresarios e membros dos corpos e forzas de seguridade.

Pasados dez anos e, antes de que esta macrocausa sexa xulgada, Benvidas ao club proxectarase este mes no Festival de Málaga na sección Afirmando os dereitos das mulleres.

Noticias web

06/03/2019