Un Deportivo discreto empata en Guijuelo
O Deportivo segue invicto, pero a imaxe dos de Fernando Vázquez en Guijuelo non foi boa. Agardaban os deportivistas un encontro cheo de dificultades nun campo sempre complicado para os visitantes. E así foi.
O Guijuelo tomou o mando do xogo logo dos primeiros minutos de tenteo. Gozou dalgunha boa oportunidade, especialmente unha de Gil que se foi fóra por ben pouco. Na recta final da primeira metade, cos locais achegándose cada vez con máis asiduidade á portería defendida por Carlos Abad, Fernando Vázquez deulle entrada a Álex Bergantiños por Beauvue. Tres centrais para intentar evitar males maiores.
Así afrontaba o Deportivo a segunda metade. Con moitos problemas para combinar, apenas inquietou a portería local. O Guijuelo probaba desde lonxe e o partido encamiñábase irremediablemente ao empate a cero. Só o balón parado semellaba poder cambiar as cousas. Así chegou a máis clara para os coruñeses. Borges, nun saque de esquina no minuto 80, puido marcar. E pouco máis. A expulsión de Kike Pina no noventa por unha entrada a Keko foi o máis salientable dos últimos intres dun mal partido.