Un de cada dez rapaces de 14 a 18 anos aposta por Internet

Nas primeiras semanas do confinamento medraron un 57 por cento os novos xogadores por Internet. Os menores de idade son especialmente vulnerables a unha adicción emerxente que usa as dinámicas do xogo e aproveita en gran medida a popularidade de deportes como o fútbol. Son as apostas en liña.
Un de cada dez adolescentes de 14 a 18 anos aposta por Internet. Os menores teñen fácil acceder a unha actividade que teñen prohibida. Agora para xogar cartos non hai que entrar nun local e amosar o carné, abonda cun teléfono con conexión á rede. Poden entrar en calquera web que teñan vetada usando o DNI dun familiar ou amigo maior de idade, poden usar a tarxeta de crédito que haxa na casa. Pero sen artimañas para saltar as normas tamén hai perigo: as empresas danlles opcións para empezar a coller o hábito.
A Policía Nacional presentou unha campaña na que dá claves ás nais e pais para previr e detectar o problema: como fomentar o diálogo, controlarlles aos fillos o acceso a Internet e ao diñeiro e estar atentos a sinais como illamento, ansiedade ou trastornos do sono. Segundo os datos da Fundación de Axuda á Drogadicción, a metade das persoas que xogan en liña son xente nova.