Un de cada catro galegos xa ten a pauta completa da vacina contra a covid
• Son máis de 600.000 as persoas inmunizadas en Galicia

Galicia está entre as tres comunidades autónomas con máis persoas vacinadas nestes momentos, aínda que as porcentaxes varían moito se nos referimos á poboación cuberta cunha dose ou con dúas. Asturias é a que ten máis xente coas vacinas postas.
Case a metade dos asturianos, susceptibles de se vacinar teñen posta polo menos unha dose. Galicia séguelle neste indicador cunha porcentaxe que supera por pouco o 47 por cento e Castela e León está no 46 por cento.
Son máis discretas as porcentaxes canto á poboación coa pauta completa. Asturias está en cabeza co 27 por cento da poboación diana vacinada. Galicia ocupa o terceiro lugar, cun pouco máis dun cuarto da poboación inmunizada por completo.
Con datos do venres a primeira hora son 603.500 os galegos que están nesta situación, e dado que o total da poboación por vacinar é de 2.362.643 persoas, representa un 25.54 por cento.