CRTVG

Buscar

Un da cada catro rapaces en España ten exceso de peso ou obesidade, problema agudizado pola pandemia

Publicado o 11/05/2021 20:30

Case o 25 por cento dos rapaces de entre 16 e 24 anos ten exceso de peso ou obesidade, segundo reflicte unha enquisa realizada pola Sociedade Española de Obesidade. O 35 por cento dos enquisados recoñece que nunca fai exercicio físico e que pasa máis de seis horas fronte a unha pantalla, factores agudizados durante a pandemia.

"Si que notei un incremento das visitas, sobre todo nesa franxa de idade, durante a pandemia, pero é normal, digamos que levamos moitos meses máis limitados para facer exercicio físico", di a nutricionista Fátima Branco.

Pero este problema, máis visibilizado agora coa pandemia, xa vén de atrás. Por iso os endócrinos e nutricionistas recomendan máis educación en nutrición e alimentación saudable nos programas escolares, unha educación que por outra parte ten que empezar na casa. Lembran que o exceso de peso na adolescencia non tratado pode derivar na idade adulta en complicacións na saúde.

"Hai que poñerlle xa medidas dende o principio e entender que é un problema, un problema de saúde importante xa de pequeno e xa para cando sexa maior. Moitas veces un problema de artrose non é, xa falo de adulto, porque teña exceso de peso, pero si o exceso de peso fai que a artrose sexa moitísimo peor, e como iso un montón de patoloxías", afirma Fátima Branco.

En Galicia, un de cada tres rapaces de seis a quince anos ten exceso de peso ou obesidade.

Noticias web

11/05/2021