CRTVG

Buscar

Un comerciante de Lugo recolle un grande enxame de abellas en plena rúa

Publicado o 28/05/2021 14:01

Milleiros de abellas formaron unha nube arredor dun loureiro ornamental na mediana da luguesa avenida das Américas. Un comerciante da zona, que ademais é apicultor, viu que a colonia aínda se estaba a instalar e non entrañaba perigo, polo que decidiu facerse con ela sen ningún tipo de protección. Para iso, achegouse ao enxame e foino metendo nunha caixa de cartón, algo que causou expectación no lugar.

Albino Carballés, comerciante: "Vin que estaba chegando aínda o enxame e entón fun dentro e collín unha caixa de cartón e uns panais de cera, porque eu teño abellas na aldea, polo que un pouco controlo o tema. Vin que estaban tranquilas e foi botar o núcleo para que caera na caixa, que puxen a media altura. Caeu a raíña e entraron xa con bastante facilidade, sen ningún problema".

Posteriormente, Albino levou a colonia de abellas a Muras, onde ten unha alvariza cunha ducia de colmeas. Segundo sinala, para el foi unha sorte poder recoller un novo enxame diante mesmo do seu negocio. 

Albino Carballés, comerciante: "Gústanme. Desde pequeno, sempre tivemos colmeas na miña casa, polo que sempre vivín con elas. Para min é normal o que pasou. O que non é normal é que estivesen no centro da cidade e no medio da avenida".

Pero facerse co enxame de abellas non lle saíu totalmente de balde a este comerciante de Lugo. Sufriu tres ou catro picadas nos brazos, aínda que sinala que está afeito.

Noticias web

28/05/2021