Un coche que se estampou de madrugada en Lugo contra unha casa esnaquiza a fachada
Un coche esnaquizou a fachada dunha casa ao estamparse contra ela en Lugo. Ocorreu en plena noite, cando os donos durmían. Algúns residentes alertan que polas noites non se respectan os límites de velocidade. A tapia metálica oculta os desperfectos que causou un vehículo que chocou contra a fachada desta casa de Lugo.
O accidente ocorreu de madrugada. Os donos, hoxe ausentes, durmían no primeiro piso cando o coche se estampou contra a casa. Primeiro colidiu contra outros dous vehículos que estaban aparcados en fronte. O ruído inicialmente pensaron que procedía dun desprendimento do edificio do antigo hospital, situado xusto diante.
Os danos ocasionados polo accidente foron cuantiosos. Moi preto hai unha avenida pola que a veces circulan coches sen respectar a velocidade. Ademais, estes días o barrio está de festas e os veciños cren que debera haber máis vixilancia para evitar que se produzan este tipo de desgrazas.
A Policía local instrúe o atestado. Non é a primeira vez que ten que actuar na zona. Aos donos da casa outro accidente xa lles esnaquizou un coche cando o tiñan aparcado na rúa. Desta volta o dano foi maior: afectoulles á porta de entrada. Está por ver se o choque afectou á estrutura do edificio.