CRTVG

Buscar

Un ciclo de concertos busca poñer en valor os órganos de Compostela

Publicado o 31/08/2021 22:27

Santiago volve somerxerse nas melodías dos seus órganos históricos a través dun ciclo musical que busca poñer en valor espazos e instrumentos da cidade, ademais de recuperar sons que forman parte da nosa historia e da nosa cultura. 

Co ciclo chámado 'De lugares e órganos' busca amosar a través de actividades e concertos unha parte do noso patrimonio organístico, moi descoñecido para moitos. Sons romanos e de Compostela é o concerto que acolle hoxe aquí a igrexa de San Paio de Antealtares, con este órgano como protagonista, porque se trata dunha auténtica reliquia.

Un ciclo que permite achegar a todo o público, espazos que adoitan estar vencellados ao culto relixioso e que participan así na vida cultural da cidade. Os órganos conforman o patrimonio material e a música a parte inmaterial, pero igualmente valiosa. Un conxunto sonoro que se goza nas diferentes igrexas da cidade, epicentro destes instrumentos en Galicia.

En San Paio de Antealtares vemos un dos poucos órganos con dobre teclado do noso país. Unha sonoridade que é quen de trasladarnos a outras épocas de xeito case inconsciente. Santiago e comarca é unha contorna excepcional para levar a cabo esta proposta pola cantidade de órganos restaurados e polos numerosos espazos históricos que ofrece. Os músicos que sentan a tocar teñen o reto de adaptar o seu repertorio porque cada órgano ten as súas peculiaridades, e iso fai que as obras sexan realmente únicas.

Neste concerto os asistentes desfrutarán dun programa con composicións creadas en exclusiva e que percorren a estreita relación entre Roma e Compostela. Este ciclo vai pola sexta edición, conta con moi boa acollida, e xa forma parte da paisaxe sonora da cidade.

Un xeito de abrir os espazos de culto e de poñer en valor reliquias de adoitan pasar desapercibidas.

Noticias web

31/08/2021