CRTVG

Buscar

Un ciclista octoxenario do Carril coopera coa seguridade viaria

Publicado o 03/03/2021 13:51

Avelino Barreiro sae da súa casa no Carril, Vilagarcía, para percorrer en bicicleta cada día uns sesenta quilómetros de media. Ten 82 anos e faino porque lle gusta. Leva nesa dinámica deportiva desde finais do século pasado e, ás veces inclúe no seu equipamento unha vasoira.

Avelino Barreiro di que "hai beiravías que poderías circular por elas, pero non podes pola cantidade de grava que hai. Picas. Non te podes meter. Terceiromundista. Non a limpan nunca!".

Vai para dous anos que caeu nunha fochanca, mancouse e tivo que cambiar temporalmente a bicicleta por unha cadeira de rodas. A súa acción varredora é sobre todo unha chamada de atención aos gobernantes.

Hai moito que retirar e precisa ferramenta apropiada, que lla proporciona un veciño do lugar. Fala con paixón dos seus percorridos ciclistas: "O mes de xaneiro fixen 1.741 quilómetros e o de febreiro, 1.800. Teño máis de 3.700 quilómetros feitos no que vai de ano". 

Leva conta dos seus rexistros a través da aplicación Estrava, e afirma que o seguen moitas persoas desde distintas partes do planeta. Ten molestias nun xeonllo, pero este octoxenario mantén a súa actividade. Mesmo a limpadora, ata o punto de que non para ata que a beiravía quedou libre de grava e terra.

Noticias web

03/03/2021