CRTVG

Buscar

Un chorro de auga duns 15 metros de altura provoca danos nunha vivenda en Lugo

Publicado o 04/06/2020 14:11

Un gran chorro de auga, duns 15 metros de altura, provocou diversos danos no barrio lugués da Ponte. A avaría tivo a súa orixe na rotura dunha tubaxe, de onde partiu o chorro que causou estragos nunha vivenda da outra beira da rúa, onde se inundou a terraza traseira.

"Rebentou aquel tubo e subía a auga por riba das casas. A miña de momento nada, pero a do lado púxoa perdida. Foi terrible. A min porque me avisaron para que cerrase as ventás, senón éntrame e ponme todo perdido".

"Chegou meu pai para comer na nosa casa e díxome que había unha rotura dunha tubaxe na Ponte. Saín mirar pola ventá, que vivo na outra beira, e víase o chorro de auga subir por riba do alto desa casa".

Os danos provocados polo chorro non só foron materiais, senón tamén persoais. A dona da vivenda máis afectada sufriu un accidente cando trataba de evacuar a auga da terraza que tiña inundada. Escorregou, caeu e, a consecuencia do golpe, tivo que ser ingresada no hospital Lucus Augusti, onde a operaron dunha fractura de tibia e peroné.

"Veu o señor de augas e cerroulle a chave. Viñéron tamén os policías, que lle tomaron nota á señora do lado polos danos. Que, por certo, caeu unha perna e está no hospital".

A avaría produciuse nunha acometida particular, polo que o resto da veciñanza non sufriu ningún corte de auga.

Noticias web

04/06/2020