CRTVG

Buscar

Retiran dúas toneladas de lixo dos fondos mariños próximos á cidade da Coruña

Publicado o 26/09/2021 17:09

Cada ano, uns sete millóns de toneladas de residuos acaban nos mares e nos océanos. O impacto é brutal nos ecosistemas e tamén, por extensión, nas economías, no turismo e na nosa saúde. A dársena da Coruña está hoxe algo máis limpa grazas ao traballo do voluntariado que participou na segunda gran limpeza dos fondos mariños, unha iniciativa para espertar conciencias incluída dentro do festival Mar de Mares.

Rubén Lucas Ayuso organiza os grupos de limpeza, distribuídos en varias zonas de mergullo entre a dársena da Mariña e o castelo de Santo Antón. A maioría son bucios de varias escolas da cidade. Hai tempo que o lixo se incorporou á paisaxe das súas incursións submarinas, nas que, como explica Santiago Salido, "cada vez é máis doado atopar plásticos e latas".

Tamén hai voluntariado por terra retirando da beira refugallos que nunca deberon acabar aí. Atopan cordas e tamén "máscaras, plásticos, botellas de vidro... Estamos un pouco abraiados", comenta outra voluntaria.

Seis toneladas

Na primeira gran limpeza dos fondos mariños conseguiron extraer unhas seis toneladas. Este ano a imaxe cambia pouco. Rodas, aparellos de pesca, plástico e vidro van sumándose á alfombra da vergoña, sobre a que se amorea o lixo.

Os océanos impulsan a economía, proporcionan alimentos, osíxeno e compostos para fabricar medicinas, regulan o clima e absorben unha parte da polución do aire. O festival Mar de Mares quere crear conciencia porque todos os seres humanos do planeta, dá igual onde vivamos, estamos conectados con eles dalgunha maneira.

Noticias web

26/09/2021