Un caso importado detectado en Avión orixina un novo gromo con tres septuaxenarias infectadas

O caso de coronavirus importado detectado no municipio ourensán de Avión a unha muller de 77 anos orixinou un novo gromo con outras dúas veciñas deste concello infectadas, supostamente tras un encontro familiar.
Segundo informaron fontes da área Sanitaria de Ourense, o diagnóstico dun caso de covid-19 na muller de 77 anos residente en Avión e procedente de México, que acudiu ao seu médico de cabeceira por síntomas compatibles, puxo en marcha o protocolo de seguimento dos seus contactos estreitos e o seu illamento en domicilio.
Realizado o seguimento, neste momento "contabilízanse outros dous novos casos positivos en dúas mulleres do mesmo concello de 74 e 70 anos de idade".
Ademais, foron realizadas ata este momento outras 17 mostras diagnósticas de PCR aos contactos máis estreitos que deron todas elas resultado negativo e recomendóuselles corentena de 14 días, en que permanecerán monitorizados por Sanidade.
As fontes sanitarias advertiron de que, ante os habituais reencontros familiares nestas datas, e ante a situación epidemiolóxica dalgunhas comunidades "con fortes vínculos" con poboación de Galicia, lembran "a importancia de manter as medidas de seguridade, extremando as precaucións nas comidas e reunións familiares".