Un cartel na praia advirte da prohibición de aproximarse ao arroaz solitario
A praia de Ornanda exhibe o cartel centrado na figura de Confi, ou Manoliño, como lle chaman algúns. É o arroaz que leva xa tempo instalado nesta zona e ao que está prohibido aproximarse. O cartel, elaborado co asesoramento do CEMMA, resume os riscos que entraña desoír a advertencia; desde problemas para a integridade física do animal e das persoas ata a sanción económica a quen incumpra a norma.
Liliana Solís, bióloga que realiza a asistencia técnica da Confraría de Pescadores de Noia, afirma: "Agora o que si nos preocupa é co verán e o bo tempo o que poida pasar nas praias, porque se pode xuntar moita xente ao redor deste animal, e se se sente acosado si que pode ter unha reacción perigosa".
O arroaz, solitario porque foi expulsado da manda, busca agora interactuar coas persoas, como conta Manuel, mariñeiro: "Cando máis o vemos é cando andamos ao marisco, aquí en todos os lombos de Noia, e xoga cos barcos, toca nos rastros do berberecho, toca nos cabos e está así; xogando. A nós nos barcos non nos afecta nada. Ao revés, aínda estamos a xogar e mirar para el o bonito que é. A quen lles afecta é aos navalleiros. Aos mergulladores, si. Porque el xogando, ás veces, prémeos cara a embaixo, mórdeos no traxe e logo anda por toda a ría de Noia, eh".
A experta consultada lembra a importancia de non aproximarse a Confi: "Como ao principio non se respectou esa distancia, que non había que tocalo nin interaccionar con el, pois agora veñen estes problemas e pódese ir agravando. E sobre todo, na praia se vemos que o animal está acosado, moi rodeado de xente, débese chamar o 112, porque as autoridades deben actuar. É un risco para o animal tamén, pode resultar ferido ou pode derivar en xente que o agride, porque de feito, ten feridas de xente que lle fixo mal".
Iso é o que di a bióloga Liliana Solís. Engade que é o que revelan as últimas observacións da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños, CEMMA, sobre este arroaz. Mentres el non encontre unha manda en que integrarse, lembra que o mellor é non achegarse a el. Tamén pola seguirdade das persoas.