CRTVG

Buscar

Un carballo de Conxo de 250 anos opta ao título Árbore Europea do ano 2022

Publicado o 21/10/2021 21:44

Un carballo de 250 anos do bosque compostelán de Conxo é a única árbore galega que aspira a ser declarada Árbore Europea do ano 2022. O premio recoñece a beleza, idade e tamaño das árbores presentadas pero tamén a súa historia e a súa conexión coas persoas como parte dunha comunidade. E diso este carballo sabe moito.

Cando era aínda novo, poboaban o bosque de Conxo máis dun milleiro deles. Agora apenas quedan uns 40 centenarios. Coñecida como a árbore da fraternidade, foi testemuña de fitos históricos e tamén é a sobrevivente dunha época de corta indiscriminada e inspirador de poetas. O Bosque de Conxo estivo pechado ao público de 1885 a 2018, cando se volveu celebrar o Banquete de Conxo ás beiras do río Sar.

Mercedes e Adrián, naturais do barrio compostelán de Conxo, camiñan por el acotío e esta mañá erguéronse coa grata sorpresa de que o concello de Santiago presentará a candidatura do carballo ao premio de Árbore Europea de 2022 e están moi fachendosos. 

A votación abriuse hoxe e pecharase nun mes. Cómpre entrar na web arboleuropeo.es. Destas horas, neste primeiro día, xa rexistrou máis de 600 votos e está no segundo posto entre os outros dez competidores de toda España.

Noticias web

21/10/2021