CRTVG

Buscar

Un camiño de Santiago ao revés para deixalo máis limpo ca nunca

Publicado o 17/07/2021 16:01

O camiño de Santiago volve poñerse en marcha pero para que esa viaxe non teña un impacto na natureza, en forma de refugallos, un grupo de voluntarios partían esta mañá da praza do Obradoiro para informar os camiñantes de como conservar esta ruta e evitar o que eles chaman basuraleza.

Segundo Carolina Martín, responsable do proxecto Camiño de Reciclaxe, "é verdade que o camiño está limpo pero todo o que vaiamos atopando de basuraleza irémolo recollendo, e tamén cos peregrinos que atopemos darémoslles unhas bolsas para que eles tamén poidan facer, e así que a única pegada que quede no camiño sexa a das nosas pisadas e non as dos refugallos que deixemos".

O proxecto chámase O camiño ao revés e os seus voluntarios informan os peregrinos sobre a importancia de conservar a ruta limpa de refugallos, a través da recollida do lixo que xeran e a súa reciclaxe en puntos adaptados.

"É explicarlles a importancia que ten un camiño totalmente limpo", sentencia Luciana Rodríguez, voluntaria.

Os peregrinos poden ademais poden informarse do que facer co lixo que xeran a través dunha aplicación informática que poden obter na dirección electrónica caminodelreciclaje.com.

"Temos un bot, un asistente virtual que se chama Aire Peregrino -explica a responsable do proxecto, Carolina Martín- que o que fai é que cun código bidimensional leva á páxina do camiño da reciclaxe, aí o noso asistente resolve todas as dúbidas que a xente poida ter de onde ten que depositar un tipo de refugallo, así xa non hai escusa para non reciclar".

A iniciativa está auspiciada por Ecoembes, e no último ano antes da pandemia, conseguiu retirar da ruta xacobea máis de 160 toneladas de residuos.

"En xeral vino moi limpo, pero si que atopas algunha máscara", comenta unha peregrina;  "Polo xeral, todo o mundo é moi respectuoso, tamén o tipo de turismo que se destina a isto sabe ao que vai, e é moi respectuoso", afirma outra.

Os voluntarios estarán tres días recollendo lixo e informando os peregrinos de que o mellor camiño é o que só deixa pegadas nas boas lembranzas.

Noticias web

17/07/2021