CRTVG

Buscar

Un caldeirón morto aparece sobre a area na praia da Lanzada

Publicado o 17/05/2021 14:35

Isabel apurou esta mañá o seu paseo pola praia da Lanzada para saber por que fedía no seu camiño habitual. Encontrouse cun cadáver de caldeirón de 5 metros xa podre, e de aí o cheiro. Esta veciña de Noalla quedou impresionada polo tamaño do animal, que ela recoñece como "negrón". "Vímolo agora ao vir paseando como todos os días. Cando chegamos foi cando o vimos, non sabiamos". "Nós chamámoslles negróns, non sei que outro nome teñen, caldeirón? Pois é grandísimo, pero está medio comido", asegura.

Horacio, veciño do Grove, viuno xa onte e, de feito, o amigo que o acompañaba deu o aviso do varamento aos do CENMA. Como bos paseantes, están afeitos, di, a este tipo de achados á beira do mar. "Buf, cantidade de veces, arroaces, sobre todo no inverno", conta.

O cadáver putrefacto corresponde a un exemplar adulto de caldeirón que presenta ben claros os mordiscos das quenllas. Non se puido saber se era macho ou femia porque ten os xenitais comidos.

"Neste caso é un caldeirón común que se atopa normalmente en augas exteriores, no cantil, aliméntanse de cefalópodos; non sabemos as causas, pero morreu e o temporal arrastrouno á costa. Témolos identificados, temos recoñecidos ata 60 individuos que recoñecemos pola aleta, pero neste caso non puidemos polo estado de putrefacción, só recoñecemos a especie", di Bruno Díaz, biólogo e director do BDRI.

Os restos do caldeirón que cuspiu o mar terá que retiralos o Concello ao que corresponda este lugar da praia, ou o do Grove ou o de Sanxenxo, mañá ao máis tardar, por cuestións sanitarias.


 

Noticias web

17/05/2021