Un bloque de vivendas de Lugo levan un mes sufrindo os cheiros dunha fuga de augas fecais
As augas fecais inundan dende hai un mes os garaxes dun bloque de vivendas no barrio lugués do Sagrado Corazón. As filtracións afectan ata dous niveis do soto, co risco de que o teito poida derrubarse no inferior. Ademais, o mal cheiro invade as zonas comúns do edificio.
"Esa auga que entra cheira moi mal. Sobe o olor polo ascensor arriba. E o teito, no segundo garaxe, pode escarchar, porque está todo cheo de auga. Tivemos que facerlle uns buratos para que soltase a auga, que se non estendíasenos polo resto do garaxe".
"Estase filtrando a auga da rúa para os garaxes. Primeiro no que está a nivel da rúa e dese pasa para o de abaixo. Fixemos as nosas comprobacións, pensando que ao mellor era dos baixantes, e están todos en perfecto estado", di José González, presidente da comunidade de veciños.
As catas custeadas polos afectados confirmaron que as filtracións proceden da rúa. Pídenlle, por tanto, unha solución urxente ao Concello.
"Mandaron a cisterna con auga por se había un atasco, pero ese non era o problema. Nós xa lles dixemos que eran augas fecais, as que nos entraban. Din que viñeron técnicos e que o problema é noso, pero aquí nós non vimos a ninguén, nin ninguén nos preguntou para ensinarlles as instalacións. Nós chamamos un fontaneiro pola nosa conta para mirar as nosas instalacións e están perfectamente", di o presidente da comunidade.
"Veu un fontaneiro, levantou, fixo comprobacións e dixo que a auga viña filtrada da rúa, pero non se sabe con exactitude. Hai que levantar para poder saber de onde vén a auga".
Pola súa parte, as inspeccións realizadas polos técnicos municipais non puideron concluír que a avaría se encontrase na rede pública de saneamento. Así e todo, o Concello anunciou que, de forma inminente, vai contratar traballos para dar coa orixe da avaría.